Xogos tradicionais galegos: Os Aros

Inauguramos esta sección, na que cada mércores falaremos dun xogo tradicional galego, cos Aros ou Rodelas.

Para xogar aos Aros só necesitamos tres cousas: un aro de metal, unha guía e un espazo amplo para poder facer que rode.

Como se xoga ?

Este é un xogo tradicional de habilidade, xa que hai que facer rodar un aro de metal polo chan cunha barra ríxida que nos sirva de guía.

Hai diversas modalidades de xogo. Pódese xogar de maneira individual, delimitando un percorrido e cronometrando canto tempo se tarda en facelo. Tamén se poden engadir obstáculos que engadirán dificultade ao xogo.

Admite o xogo por parellas ou en equipo facendo carreiras de obstáculos e relevos. Ou, simplemente ver quen aguanta máis tempo rodando o aro sen que caia.

 

Como facer o meu propio xogo?

Material: Roda da bicicleta ou a anga dunha caldeira, un pau e arame.

Collemos a anga dunha caldeira e unímoslle as puntas cuns alicates de tal maneira que quede circular. Despois buscamos un pau ao xeito e retorcémoslle un arame na punta facendo que quede en forma de garfo. Se temos unha roda de bicicleta podemos quitarlle a cámara utilizando a parte metálica soamente.

Se o xogador é principiante pódense utilizar o aro do fondo das caldeiras de zinc xa que son máis grosas.

 

E agora que xa sabedes como se fan, poñédevos mans a obra e a rodar!!!

Se queredes ver os nosos aros, ou, outros xogos tradicionais galegos descargade o noso catálogo .

Share
Scroll Up