Pintura de dedos caseira

Hoxe deixámosvos unha receita  moi sinxela para facer na casa pintura de dedos. Poden axudar os pequenos na súa elaboración porque é doada e totalmente comestible.

INGREDIENTES E UTENSILIOS

1 cunca de fariña

1 cunca de sal

1 cunca de auga

Colorante alimentario (ou témpera)

Culler, recipiente para mesturar os ingredientes, batidora e pota para quentar a auga.

COMO SE FAI?

Mesturamos nun recipiente seco unha cunca de fariña e unha cunca de sal. Se queremos facer varias cores dividiremos a mestura en tantos recipientes como desexemos.

Por outro lado, fervemos unha cunca de auga nunha pota. Cando a auga estea fervida, engadímoslla á mestura da sal e a fariña.

Botamos seguidamente o colorante alimentario (tamén se pode facer con témpera). A cantidade de colorante dependerá da intensidade de cor desexada. Normalmente tenden a quedar cores bastante apagadas polo tanto, para facer cores vivas teremos que botarlle unha boa cantidade de colorante.

A continuación, remexemos cunha culler até conseguir unha pasta uniforme. Se queremos que a nosa pintura sexa densa e con grumiños xa rematamos. Pola contra, se preferides que a pintura teña unha textura máis homoxénea podemos pasar a nosa pasta pola batidora. Tamén lle podemos engadir auga para facela máis líquida se o desexamos.

E agora a pintar coas mans, con pincel ou con calquera soporte que imaxinemos. E non se preocupar por se enlarafuzamos a roupa ou as mans, sae facilmente con auga temperada.

Share
Scroll Up